Friday 03 de May de 2024

O Partido Popular de Cambre denuncia a mala xestión do actual goberno municipal e solicitará a celebración dun pleno extraordinario onde se dean explicacións á corporación e aos veciños por parte do alcalde e da concelleira de Facenda


Ante a grave situación de xestión que ten paralizado o Concello de Cambre, o Grupo municipal do Partido Popular solicitará a celebración dun pleno extraordinario, para o que establecerá contactos co resto da oposición para realizar unha petición conxunta.

O alcalde de Cambre e o seu goberno son os principais responsables de chegar aesta situación de colapso municipal, na que non souberon solucionar os problemas cos funcionarios e de ter agardado ata despois das eleccións para actuar, xa que aqueles máis de 5 millóns de euros de débeda non se acumulan en tan só 3 meses e os problemas de mala xestión xa viñeron antes, como: a acumulación de facturas impagadas, o cobro de concursos de obras desertas, o non atender os servizos esenciais como o da axuda no fogar ou directamente non implementalas como no caso do servizo de atención temperá.

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular pediremos amparo a todos os entes e administracións competentes, se continúa a falta de dilixencia do alcalde e do seu goberno (UxC e PSOE) para sacar a Cambre desta situación.

O noso apoio e solidariedade a todos os afectados, ás empresas, traballadores, asociacións, anpas, familias e veciños de Cambre, por atoparse nesta situación de desamparo, provocada pola mala xestión e a falta de responsabilidade por parte dos responsables da Concello , o alcalde como máxima autoridade debe velar polo seu bo funcionamento e como principal responsable de permitir que se produza esta situación.

O Partido Popular sempre estará defendendo as empresas, os traballadores e as súas familias.